ACUSO Á CLASE MEDIA

ACUSO Á CLASE MEDIA
Acuso á clase media –grandes e pequenos burgueses-
porque eles foron e son os que traizoan
o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galiza.
Falo en nome dos mariñeiros, dos labregos,
dos ferreiros, dos criados de servir,
dos zoqueiros, dos muiñeiros e arrieiros;
dos humildes carpinteiros de riveira;
dos alugados que ían a Castela;
dos caseiros que non teñen terra de seu;
dos que se ven obrigados a emigrar;
dos pobres de espírito e dos pobres de pedir;
do coitado xornaleiro que, de sol a sol,
ainda anda virando a terra co arado romano.
Falo en nome de todos aqueles que,
anque teñen razón, non lle la dan.
Acuso á clase media de servil,
De axeonllarse diante dos que mandan,
Traizoando aos seus, á xente súa,
ao pobo indefenso e aldraxado.
Acuso á clase media de imitar
As modas que impoñen en Madrid
E de pechar cobardemente os ollos
ás realidades que teñen diante si.
Clase media, grandes e pequenos burgueses,
Comerciantes enriquecidos co estraperlo,
viñateiros, aceiteiros, contratistas,
avogados sen lei e sen conciencia,
propietarios de casas e de contas correntes,
burócratas que adulades ao amo
e que esquecedes o pobo do que vides;
xentes que comerciades coa emigración,
coa fame, coa inxustiza e coa miseria;
ladrós que procurades títulos nobiliarios,
asasiños que mercades indulxencias e autos
derradeiros modelo que vos leven ao ceo,
¡no nome do pobo, eu vos acuso!

Manuel Curros Enriquez

http://congoyyo.blogspot.com

Deja un comentario